Guadi Galego é unha das artistas máis relevantes da escena galega actual, froito dunha carreira musical que comeza sendo moi nova.
En 1997 entra a formar parte de Berrogüetto como vocalista, pianista e gaiteira, e grava con eles tres discos. Viaxe por Urticaria (1999) e Hepta (2001) foron calorosamente recibidos pola crítica e merecedores de varios premios e recoñecementos (entre eles, o de Mellor Grupo Folk Europeo de 2000 e unha candidatura aos Grammy Latinos de 2002). En 2006 publican 10.0, que acadou o 2º Premio Opinión ao Mellor Disco Galego do ano e foi candidato aos Premios da Música co seu tema “Xente”.
Naquel momento, Guadi xa comezaba a experimentar con diversas sonoridades en formacións como o seu proxecto máis íntimo e persoal, Espido (con Guillerme Fernández) ou Nordestin@s (con Abe Rábade y Ugia Pedreira), ambas tamén galardoadas co Premio ao Mellor Disco Galego.
Finalmente, en 2009 sae á luz Benzón, album aclamado pola crítica galega e española co que inicia a súa carreira en solitario, sen deixar de participar noutros proxectos.
En 2012 únese aos músicos Xabier Díaz, Guillerme Fernández e Xosé Lois Romero para formar o grupo aCadaCanto. Con eles edita un disco homónimo, e outro en 2013 titulado A rosa d'Adina, no que musicaron versos de Rosalía de Castro. Reciben ese ano o Premio Martín Códax da Música na categoría de Canción de Autor.
En 2014 publica o seu segundo traballo en solitario, Lúas de outubro e agosto, e en 2016 (ano no que acada o Premio Martín Códax da Música á Mellor Artista na categoría de Canción de Autor), sae o terceiro, O mundo está parado. Este disco viaxa do persoal á reflexión colectiva sobre cuestións como a identidade e a coherencia, elaborando unha sonoridade envolvente con matices pop que reaparecen no EP Bóla de cristal (2018). Para estos tres traballos, conta coa presenza na produción do xienense Pachi García.
En 2015 recibe o Premio da Crítica Galicia na categoría de Música.
En outubro de 2019 publica Immersion, un traballo no que reinterpreta temas dos seus tres discos anteriores cantados en sete linguas peninsulares: galego, catalá, castellano, asturianu, aranés, euskera e portugués. Neste traballo conta coas colaboracións de numerosos artistas: Alex Insua, Judit Neddermann, Clara Peya, Vega, Iván Ferreiro, Silvia Quesada, Alfredo González, Alidé Sans, Javier Otero, Lisandro Aristimuño, Germán Díaz, Mikel Urdangarín, Andrés Suárez, Ana Bacalhau, Abe Rábade, Sisters in the house e Xabier Díaz.
Por este traballo, foi galardoada co Premio á Promoción da Realidade Plurilingüe do Estado 2020.
Este ano volve recibir o Premio Martín Códax da Música á Mellor Artista en la categoría de Indie/Pop.
O 20 de novembro de 2020, publicou o seu 5º disco en solitario, Costuras. Ao igual que o anterior, Guadi traballa neste disco cos produtores cataláns Vic Moliner e Pau Brugada (Olivera Estudi). Despois de 2 anos de xira e máis de 40 concertos por todo o estado, o 16 de decembro de 2022 sairá á luz o novo traballo discográfico de Guadi; ROIBÉN.
Copyright @ todos os dereitos reservados